ANPE DENUNCIA a sobrecarga de responsabilidades e tarefas burocráticas


25 Xan, 2022

WEB - ANPE DENUNCIA A SOBRECARGA DE RESPONSABILIDADES E TAREFAS DAS DIRECCIÓNS E DE TODO O PROFESORADO DOS CENTROS

Os equipos directivos e todo o profesorado acusan unha forte sobrecarga de traballo polas responsabilidades que se lles asignou na xestión de casos COVID que se suman ao exceso de  arefas burocráticas que ANPE Galicia ven denunciando desde moito antes da pandemia. Isto provoca unha situación límite de ansiedade que supón un risco laboral extremo para todos os docentes galegos.
Ante a falta de operatividade da administración educativa para dar resposta a esta reivindicación transmitida á Consellería por ANPE Galicia en diferentes foros, denunciamos directamente ante o Conselleiro a necesidade de que a administración educativa faga unha planificación coordinada de todas as actuacións das diferentes direccións xerais que elimine as tarefas burocráticas xurdidas polos múltiples programas que deben levar a cabo e que remate coa responsabilidade do profesorado en decisións de tipo sanitario que non lle corresponden.
ANPE Galicia considera que é indispensable que a Consellería tome as medidas oportunas coa antelación suficiente para que o profesorado non teña que asumir responsabilidades de tipo sanitario nin máis tarefas burocráticas. Para iso, ANPE Galicia reclamou novamente a dotación en todos os centros educativos galegos do persoal administrativo e sanitario necesario, para evitar o risco laboral que supón a situación de ansiedade que está vivindo o conxunto do profesorado como consecuencia de asumir funcións burocráticas e sanitarias que non son inherentes ao seu posto.
ANPE Galicia volve reclamar a cobertura de xeito inmediato e sen dilacións de todas as substitucións do profesorado para evitar a falta de persoal nos centros educativos por mor da pandemia e a actualización das listaxes de substitucións en aquelas especialidades que aínda están sen actualizar desde a celebración dos últimos procesos selectivos.
                                                                                                                                                                                

                                                                                                                                                                               Santiago de Compostela, a 25 de xaneiro de 2022.