OPOSICIÓNS 2022 - presentación de documentación dos Funcionarios en prácticas


26 Xul, 2022

WEBPresentación de documentación para ser nomeado persoal funcionario de carreira (ED001A) 

A publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de persoal aprobado será o día 23 de agosto de 2022 de xeito que o prazo para a presentación de documentación comezará o día 24 de agosto de 2022 e finalizará o día 20 de setembro de 2022).

De conformidade coa base 19.1b) da Orde do 28 de xaneiro de 2022 ... o persoal aspirante aprobado deberá presentar por medios electrónicos e dirixido á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades os seguintes documentos:

A) Certificado médico acreditativo de non padecer ningunha enfermidade nin estar afectado ou afectada por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co exercicio da docencia (aceptarase tamén un informe médico)

A persoa aspirante que fixese valer a súa condición de persoa con discapacidade deberá, se non o fixo anteriormente, presentar certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social que acredite tal condición, e tamén terá que presentar certificado dos citados órganos ou da Administración sanitaria, acreditativo da compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes

B) Declaración responsable de que non foron separados ou separadas mediante expediente disciplinario, do servizo do corpo a que se pretende ingresar en ningunha Administración pública e de non estar inhabilitados ou inhabilitadas para o exercicio de funcións públicas, conforme o modelo que figura como anexo IX a esta convocatoria que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Igualmente, o persoal aspirante que non posúa a nacionalidade española deberá presentar declaración responsable de non estar sometido a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública, segundo o mesmo modelo do anexo IX que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

C) Certificado de non ter antecedentes por delitos sexuais. Só debe presentar este documento no caso de que se opuxera na súa solicitude de participación á consulta de datos do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais

O persoal que xa teña a condición de persoal funcionario de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia e estea en situación de servizo activo estará exento de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa demostrados para obter o seu anterior nomeamento. Só para o caso de que non sexa persoal funcionario funcionario de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia deberá presentar, en tal caso, unha certificación ou folla de servizos do organismo de que dependan, na cal se consignen de forma expresa os seguintes datos: corpo a que pertencen, número de rexistro persoal e se están en servizo activo.
Para presentar a documentación deberá seguir os pasos descritos a continuación:

1º Acceda á sede electrónica da Xunta de Galicia nesta LIGAZÓN:

-Prema no botón en cor laranxa “Tramitar en liña”

-Abrirase unha pantalla informativa sobre a necesidade de dispor de Chave 365 ou certificado electrónico para acceder. Prema no botón “Aceptar”.

-Introduza o seu NIF e o seu contrasinal de Chave 365 ou identifíquese co seu certificado dixital.

2º Localice o expediente correspondente a súa solicitude de participación no procedemento selectivo (ED001A) e prema no botón Acción: Alegacións.

3º Cubra todos os campos do formulario e os indicados a continuación do seguinte xeito:

a) No campo EXPÓN: Sinalar ASUNTO: PRESENTACIÓN DE DOCUMENTACIÓN PARA SER NOMEADO PERSOAL FUNCIONARIO DE CARREIRA.

b) Unha vesz cubertos todos os campos da folla de solicitude deberá premer no botón “Continuar”. No caso de que lle faltase por cubrir algún campo a aplicación web avisaralle para que o cubra antes de continuar.

c) Neste paso deberá anexar a documentación citada anteriormente de conformidade coa base 19.1b) da Orde de 28 de xaneiro de 2022.

A aplicación solicitaralle primeiro que indique un nome descritivo do arquivo que vaia a subir e a continuación deixaralle examinar o seu directorio para acceder e subir a documentación. Pode subir toda a documentación xunta nun arquivo só ou pode subir un arquivo por cada documento. A aplicación web tamén lle amosará os formatos válidos para subir.

Unha vez anexada a dita documentación, prema no botón “Continuar”

d) A seguir deberá asinar a solicitude e presentala no rexistro electrónico para o que se lle enviará o seu teléfono móbil un pin no caso de empregar Chave365 ou introducirá a súa contrasinal no caso de empregar certificado dixital. Unha vez asinada, a sede electrónica informaralle que estará correctamente presentada a súa solicitude e poderá obter o recibo xustificativo coa data e hora de presentación e o número de rexistro. Lembre descargar o xustificante de presentación.

O persoal aprobado, ademais de presentar a documentación relacionada anteriormente, deberá entregar a documentación correspondente á toma de posesión do destino provisional adxudicado no concurso de adxudicación de destinos provisionais segundo as instruccións que se publicarán nesta ligazón: CADP