ANPE polo cumprimento íntegro do Acordo de melloras


04 Abr, 2025

WEBAs organizacións sindicais, ANPE, CCOO e UGT-SP compareceron públicamente para denunciar a falta de cumprimento íntegro do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo , asinado coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

 A situación, logo de case un ano e medio da sinatura, esixe unha resposta clara por parte da Consellería e do Presidente da Xunta, que ao fin e ao cabo, foi a persoa que asinou dito Acordo.

A nosa denuncia principal é que a Lei 5/2024 de medidas fiscais e administrativas non garante a execución do Acordo

Pola contra, estase a utilizar como ferramenta para entorpecer a aplicación de compromisos asinados —como a dotación de profesorado de apoio— e para dilatar no tempo outros aspectos fundamentais , como a redución progresiva de ratios no marco do Acordo de agrupamentos . 

A situación actual revela feitos gravísimos que queremos facer chegar a toda a comunidade educativa e á sociedade galega

  •  Existe unha interpretación restrictiva e obstrucionista por parte da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo e das xefaturas territoriais da Inspección. Sexa por acción ou por omisión, o certo é que se están freando de forma sistemática os avances pactados no Acordo.
  •  Non se nos facilitan datos obxectivos e esenciais , como as cifras reais de matrícula ou as "fotos fixas" por grupo escolar, necesarias para comprobar a aplicación das novas ratios . Alén diso, algúns equipos directivos recibiron ameazas por parte da Administración para que non colaboren coas organizacións sindicais nin faciliten ningún tipo de información.
  •  O Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é asinante do Acordo . Con todo, véñense ignorando as numerosas solicitudes de reunión presentadas por escrito polas organizacións sindicais asinantes, en diferentes datas e canles. Reclamamos unha entrevista directa co máximo responsable político do enfoque que se lle está dando ao cumprimento deste Acordo. 

Ante esta situación, os sindicatos asinantes estamos a esgotar os prazos legais da vía administrativa para dar o paso á vía xudicial con garantías

Este camiño, lento pero sólido, é a nosa aposta por un sindicalismo serio, firme e eficaz, centrado en acadar resultados reais para o conxunto do profesorado galego .

Xa temos en marcha o proceso  CONTENCIOSO - ADMINISTRATIVO e a nosa aspiración é que se resolva cunha sentenza semellante á da Comunitat Valenciana , que obrigou alí ao goberno autonómico a contratar case 2.000 docentes por incumprimento dun acordo similar. 

Do mesmo xeito, tamén presentamos unha reclamación administrativa pola aplicación incorrecta do 10 % de incremento nos complementos de sexenios e titoría. Esta reclamación será acumulada no proceso xudicial para reclamar todos os dereitos vulnerados. 

CHAMAMOS A TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA a que se implique activamente e denuncie as situacións de incumprimento , como o recente intento da Consellería de volver aplicar ratios de 25 alumnos en Infantil e Primaria, especialmente na área de Vigo, aínda que tamén noutras zonas de Galicia. Este proceder, denunciado publicamente polos centros, e a reclamación das organizacións asinantes, obrigou a Consellería a dar marcha atrás e cumprir no proceso de admisión de alumnado as ratios que recolle o Acordo .

Queremos rematar agradecendo aos sindicatos que non asinaron o Acordo e que o denominaron no seu momento como "Acordo da miseria" , que hoxe reclamen vehementemente a súa aplicación . Instámolos, por coherencia, a que se sumen ao mesmo coa súa sinatura e axuden a construír a unidade sindical que demandan noutros contextos e que se aplica con éxito noutras comunidades autónomas

A diferenza entre quen se limita a protestar e quen traballa con rigor por avances concretos é que só as organizacións que asinamos e defendemos o Acordo estamos acadando constantemente conquistas reais para o profesorado galego. 

A nosa folla de ruta está clara: denuncia pública, mobilización, acción institucional e vía xudicial. Seguiremos a esixir o cumprimento íntegro do Acordo ata as últimas consecuencias

Porque cumprir os acordos non é unha opción: é unha obriga.