

Esta modificación elimina para todo o persoal docente que xa consolidou o seu posto nas listas de interinidade e substitucións a obrigatoriedade de presentarse ás oposicións para manter o seu posto na lista. Tampouco será preciso presentarse para as persoas que unicamente teñan posto consolidado nas listas de Orientación de Primaria.
Convén aclarar que non será necesario presentarse ás oposicións nestes casos, mais calquera persoa que o desexe poderá presentarse, como é lóxico, e tamén abandonar o proceso en calquera momento sen ningún tipo de penalización nas listas.
Por outra banda, a addenda asinada esta mañá tamén incorpora as novidades relativas ao novo sistema de chamamentos de persoal substituto a través dunha aplicación informática. Este sistema funcionará en modo de probas ao longo deste curso en certas especialidades con poucos chamamentos, coa finalidade de entrar en pleno funcionamento o vindeiro curso.
O texto tamén regula as sancións por non participar neste procedemento para aqueles que estean obrigados a facelo.
Como en calquera cambio destas características, será clave ofrecer unha explicación clara e completa do funcionamento da aplicación.
Ao longo do curso 2026-2027, a comisión de seguimento do Acordo fará un control continuado do proceso e traballará coa flexibilidade necesaria para resolver incidencias e garantir que non se produzan sancións indebidas.
Por último, este acordo permite que as vacantes non adxudicadas se oferten a todo o persoal das listas. Deste xeito, calquera persoa interesada en traballar sen restriccións poderá solicitalas de forma voluntaria, aínda que isto non dea lugar á consolidación do posto.