ANPE volve reclamar o pagamento aos membros dos tribunais 2025 e denuncia os atrasos inaceptables


17 Abr, 2026

WEBANPE volve reclamar o pagamento aos membros dos tribunais das oposicións de 2025 e denuncia os atrasos inaceptables

A día 17 de abril, resulta inadmisible que aínda non se tivesen aboado as correspondentes compensacións a quen desempeñou esta labor no pasado mes de xuño. Trátase dunha situación vergoñenta que, lonxe de mellorar, foi empeorando co paso dos anos: se antes estes pagamentos se realizaban antes de rematar o ano en curso, posteriormente pasaron a xaneiro do ano seguinte, e nesta ocasión chegamos xa a abril.

Desde ANPE levamos reclamando esta situación desde o pasado mes de setembro. Na reunión celebrada no día de hoxe, a Administración comunicounos que os pagamentos se realizaron nesta mesma data, unha circunstancia que non fai máis que evidenciar unha xestión claramente deficiente. Por iso, instamos a todas as persoas integrantes dos tribunais que non reciban o ingreso nos vindeiros días a que se poñan en contacto co noso sindicato.

Así mesmo, ANPE reitera a súa esixencia de que se garanta o aboamento da manutención a todas as persoas membros dos tribunais, con independencia da súa localidade de residencia. Resulta incomprensible que a Administración siga sen recoñecer adecuadamente as condicións nas que se desenvolve este traballo: xornadas intensas, con tempos cada vez máis axustados que impiden, en moitos casos, incluso desprazarse aos seus domicilios para comer.

As persoas integrantes dos tribunais realizan un labor esencial, esixente e de enorme responsabilidade para o sistema educativo. Desde ANPE preguntámonos: é este o trato que merecen? Reclamamos respecto, recoñecemento e unha xestión á altura do esforzo que realizan.